Friday 29 de March de 2024

Medio Ambiente promove accións formativas para mellorar a separación de biorresiduos no concello de Arteixo


Ata o vindeiro 28 de decembro levaranse a cabo distintas actividades para concienciar e formar a veciños e empresarios deste municipio da importancia de pechar o ciclo da materia orgánica, para converter este residuo en compost de calidade
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva ao Concello de Arteixo unha serie de accións formativas e informativas para mellorar a separación de biorresiduos neste municipio.

Desde hoxe e ata o 28 de decembro desenvolverase unha campaña informativa para incidir na importancia dunha axeitada separación dos residuos orgánicos. Así, entregaranse bolsas compostables a vivendas e grandes xeradores; realizaranse enquisas, co fin de coñecer os hábitos de separación e reciclaxe de residuos orgánicos da cidadanía e organizaranse obradoiros dirixidos ao público infantil.

Para iniciar aos máis pequenos neste hábito, os días 24 e 28 celebrarase un obradoiro relacionado coa compostaxe na Praza do Balneario.

Durante as cinco xornadas desta campaña, a cidadanía contará co apoio de informadores ambientais que se situarán ao carón das illas de contedores, para resolver as dúbidas que lles formulen en relacións aos residuos domésticos.

A Consellería de Medio Ambiente aposta por este tipo de actividades, posto que a implicación da cidadanía e os grandes xeradores é clave para conseguir unha recollida selectiva da fracción orgánica de calidade.

A previsión é que esta campaña contribúa a mellorar os resultados de recollida selectiva e reciclaxe do Concello de Arteixo, permitíndolle avanzar no cumprimento do obxectivo de reciclar o 55% do total dos residuos producidos para o ano 2025, marcado pola recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

A campaña está tamén aliñada cos principios da Economía Circular posto que coa recollida separada e reciclaxe dos biorresiduos contribúese a pechar o ciclo da materia orgánica, transformando un residuo, como son os restos de comida e restos vexetais; nun produto de calidade: o compost.

Esta campaña informativa forma parte das actuacións para a mellora da xestión dos residuos urbanos xerados no territorio galego que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver. Ditas actuacións intégranse nas accións previstas para o desenvolvemento das liñas estratéxicas do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022) e están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020.